Sunday 28 de April de 2024

O alumnado de 5º e 6º do CEIP San Ramón traballa na “Conexión Segura” e na prevención de ciberviolencias


Con motivo do 28 de xuño, Día da Diversidade Sexual, o Concello de Moeche participa na campaña da Deputación da Coruña “Liberdade de ser e sentir!”, co obxectivo de sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero. Neste sentido, desde a área de Igualdade organizáronse dúas xornadas tituladas “Conexión Segura”, a primeira este xoves dirixida ao alumnado do CEIP San Ramón e a segunda o próximo 21 de xuño orientada ás familias. As dúas sesións teñen buscan previr as ciberviolencias machistase fomentar a igualdade e eliminación dos estereotipos na rede.

A rapazada de 5º e 6º do CEIP San Ramón traballou esta mañá arreo nun obradoiro sobre o bo uso das redes sociais da man de Raquel Veiga, educadora da empresa Atalaia Social. Nesta xornada puxeron en práctica diferentes dinámicas grupais arredor do xénero nas redes sociais, os estereotipos e a visión en liña dos corpos.

Tamén coñeceron as condutas de risco na internet e concienciáronse sobre as ciberviolencias, ademais de interiorizar a necesidade de construír o bo trato nas relacións sociais dentro e fóra da rede. Conceptos que a educadora lle foi explicando ao alumnado por medio de exemplos e consellos moi útiles de cara a que elas e eles os leven á práctica nos seus propios perfís virtuais.

Este obradoiro buscaba crear un espazo de reflexión crítica e diálogo onde abordar desde unha perspectiva integral aspectos relacionados coas ciberviolencias e o coñecemento dos estereotipos de xénero que se replican nas interaccións na rede e que teñen repercusións sobre a construción da sexualidade e aceptación do propio corpo.

Segundo resume a concelleira da área, Cris García Rey, o encontro ocupouse de “do bo uso das redes e aplicacións dixitais e, ao mesmo tempo, de promover o autocoñecemento”. Baixo esta óptica tamén se lle quixeron ofrecer aos rapaces e rapazas “as claves para apreciar e respectar a propia persoa e ás demais, xunto con aquelas que lles permitan identificar de inmediato as situacións de ciberviolencia e saber como actuar ante elas”.

O luns, obradoiro para as familias
O obradoiro para familias será o vindeiro luns 21 de xuño, de 17.30 a 19.30h no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade. Nel comentaranse os contidos e as impresións acerca das dinámicas traballadas coa rapazada de 5º-6º de primaria, pero tamén se tratarán cuestións de especial interese para as nais e pais: o acompañamento emocional no uso das novas tecnoloxías, a identidade e seguridade dixital, o uso saudable e as potencialidades das TRIC (Tecnoloxías da Relación, a Información e a Comunicación) e a igualdade e bo trato dentro e fóra de vida virtual.

Despois dos obradoiros, desde Atalaia elaborarán un pequeno documento onde se recollan as ideas fundamentais sobre os temas tratados, así como varias recomendacións tanto para as familias como para as mozas e mozos.

Recordatorio da campaña do 8M “As imprescindibles”
Desde Igualdade tamén se lle lembrou a todas as persoas que participaron na iniciativa “As imprescindibles” -organizada co gallo do Día Internacional da Muller- que poden pasar polo Concello para recoller as bolsas co logotipo da campaña.